Intuición - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | Y

Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.

Intuición
Do latín "intuitus", (imaxe, mirada). Termo co que se designa, en xeral, a percepción directa e inmediata dun obxecto e das súas relacións, por parte do suxeito cognoscente. En tal percepción non pode haber ningún elemento intermedio, como podería ser o coñecemento discursivo ou razoamento, ao que a intuición se opón radicalmente.

A intuición pode ser sensíbelou intelixíbel, en función do tipo de obxecto que se percibe. Os filósofos antigos e medievais referíronse fundamentalmente á intuición intelixíbel, á que consideraban, especialmente estes últimos, como o modo de coñecemento propio de Deus. Na filosofía moderna vai adquirindo novos matices. Para Descartes, por exemplo, a intuición é a única fonte de evidencia, na que se ten que fundar o discurso racional, concibido como unha serie continuada de intuicións (chamada deducción).

Kant, con todo, rexeitará a intuición intelectual, na medida que supón coñecer algo que está máis alá da experiencia posíbel. Acepta, non obstante, unha intuición empírica, (pero que debe ser pensada baixo conceptos para ofrecer algún coñecemento), e unha intuición pura, a dimensión formal do coñecemento.

Os idealistas, polo contrario, aceptarán que o "eu" posúe intuición intelectual, no acto de coñecerse a si mesmo. Posteriormente Bergson recuperará a intuición como forma de coñecemento inmediato e irracional, e Husserl manterá que a intuición eidética permite o coñecemento das esencias dos obxectos.